O proxecto Climántica acaba de alcanzar o seu terceiro ano de existencia e implantación no sistema educativo galego, logrando tamén unha presenza activa nas redes educativas de Coimbra, Cantabria e Alacante mediante a constitución de grupos de traballo e seminarios permanentes.
En ensino secundario xa existe unha ampla proxección na aplicación do proxecto que culminou en experiencias en ámbitos tan diferentes como a meteoroloxía escolar, os deseños experimentais, os edublogs ou a comunicación mediante ferramentas TIC, entre outros.
Así as cousas, a fase de desenvolvemento en que se atopa o proxecto demanda cada vez con máis enerxía e urxencia a posta en marcha dun Congreso que aúne a asistencia de todos os profesores con interese en profundar nos contidos e metodoloxías posibilitando, ademais, tanto a recollida e posta en común das experiencias que resultaron máis exitosas como modelo para a réplica, como todas aquelas xurdidas ao longo do tres anos de vida do proxecto e que poden servir de referencia para que os profesores que se aproximan por primeira vez a este atopen vías de aplicación rápida e eficaz nas súas aulas, en tanto que aqueles máis veteranos poidan ampliar as posibilidades de aplicación nas súas aulas.